O público mantense fiel a súa cita coa Mostra de Curtas na Sociedade Liceo de Noia
O festival colgou na porta, un día máis, o cartel de ‘sold out’ coa proxección de Frágil Equilibrio
Noia, 14 de outubro de 2021
A XXII Mostra de Curtas de Noia trasladouse na noite de onte a un novo escenario, na Sociedade Liceo de Noia, para facer a primeira proxección de longametraxe. A peza en cuestión foi Frágil Equilibrio, documental dirixido por Guillermo García López (2016). A historia, narrada a través das palabras do expresidente de Uruguai, José Mujica, foi galardoada nos Goya de 2017 co premio a mellor Largo Documental.
A súa produtora, Marina García, asentada en Noia dende hai un par de anos, puido contemplar en primeira persoa como os seus veciños acababan todas as entradas e enchían as butacas da sala de visualización. A estes mesmos puido dirixirse cunha breve intervención ó principio da xornada. Como peche desta, sobre o escenario presentouse unha mesa redonda para comentar diferentes aspectos da produción.
As boas cifras, que se veñen sucedendo ó longo de toda a edición, mantéñense para o día de hoxe. Xa non quedan entradas dispoñibles para a proxección de Cuñados esta noite ás 20:30 na Sociedade Liceo de Noia. Ata a sala acercaranse os protagonistas da película: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez e Iolanda Muíños e o seu director, Toño López. Poderán dirixirse ó público que, un ano máis, está demostrando o seu compromiso co mundo audiovisual.
Para o día de mañá, venres 15 de outubro, está preparada unha nova charla coloquio sobre o jazz no cine na que participarán Alberto Conde, Kin García, Alberto Ibarrondo e Íñigo Zárate. A xornada finalizará coa proxección de Negro Púrpura, a última desta XXII edición. Finalmente, o certame despedirase o sábado coa súa gran gala final.